Día Mundial da Marioneta

UNIMA (Unión Internacional da Marioneta) encarga todo os anos unha mensaxe para celebrar o Día Mundial da Marioneta. Roberto De Simóne, famoso músico italiano,  autor, director e especialista nas tradicións napolitanas de Guarratelle e Pulcinella foi o encargado este ano de elaborar dita mensaxe.

Mensaxe Internacional por Roberto De Simóne

O meu primeiro Encontro con Pulcinella remóntase na miña memoria aos primeiros tempos da miña infancia, cando Pulcinella formaba parte do imaxinario de todos os nenos napolitanos. Podías encontralo na rúa nas marabillosas cestas dos vendedores ambulantes ou nas prazas nas Feiras de San Xosé, de Reis, do Festival de Piedigrotta, onde se exhiben pequenos xoguetes tradicionais. Entre os que sobresae un pequeno Pulcinella, colocado sobre un tranvía en miniatura e manexado cunha vara que aplaude coas mans portando uns diminutos címbalos de bronce. Outro xogo moi popular: un pequeno cono vermello de cartón no que se pode inserir unha trompeta de xoguete equipada cunha pivetta para reproducir a música da tarantela tradicional. Tamén formaba parte do xogo unha pequena vara de arame: cando se introduce no cono e é empurrada suavemente polo neno fai que o pequeno boneco Pulcinella suba e baixe, o seu chaleco branco estaba unido ao bordo circular do propio cono. Obviamente, o xogo, suxire un movemento sexual traveso, dando ao noso personaxe un significado fálico, que foi reafirmado tamén noutros espectáculos tradicionais.

Por último, podemos encontrar a Pulcinella en poemas infantís, cancións infantís e contos de fadas: en resumo, pertencía á estrutura onírica da tradición, de forma que aos poucos  se ten acceso ao seu propósito iniciático, e logo ao seu significado emblemático máis profundo e misterioso.

A todo iso contribuíu tamén o itinerante Teatro de Marionetas Guarattelle no que os elegantes monicreques de Pulcinella, Teresina (a súa noiva), o can, a morte, o verdugo e outros se representaban na Piazza del Gesù, San Domenico Maggiore, Porta Capuana, magnetizando os nosos rostros infantís, mentres estabamos alí, coa boca aberta, para recibir o Credo da nosa onírica Biblia.

VOZ DE PULCINELLA

Puè puè puè puè puè

puere puè puè.

Mira fora Teresi’,

Mira polo balcón

que quero oír a túa bela canción

 

Por último, gustaríame recordar que, mesmo no repertorio tradicional da “Guarattelle” pódense atopar personaxes e escenas que parecen estar conectadas á tradición xudía, á tradición española, ou á tradición americana e mesmo ao teatro grego. Ademais, o termo guarattella é a versión vernácula de Bagattella, (asunto trivial) e vén da palabra Bagatto, que é un dos paus máis importantes das cartas do tarot, de orixe cabalística e un vehículo de contos e personaxes que a miúdo atopamos nos repertorios e guións do teatro da Guarattella.

Gustaríame concluír cunha declaración conmovedora que rescatei dunha gravación da voz do último napolitano guarrattellaro da vella tradición, un tal Zampella Nunzio, prematuramente falecido, que tiña no seu ADN todos os cromosomas do antigo estilo da arte de Pulcinella. Preguntado pola importancia do uso da “Pivetta” para un titiriteiro, deume a seguinte resposta.

Zampella: «É esencial. A arte do titiriteiro non é doada; o manexo pode ser simple, pero a imitación é musical, o movemento é música. O máis difícil é a dobre voz que consiste en alternar a voz natural coa artificial facendo uso da pivetta (lingüeta -unha especie de asubío). O titiriteiro debe ser capaz de facer todas as voces: Muller, Carabineiros, Monxe, Pulcinella, a voz do can e mesmo da morte. Pero calquera parvada que digas no espectáculo debe converterse en ritmo: as palabras son a música, o movemento é o ritmo, só neste radica a verdadeira forza da guarattelle». (21 xuño 1975)

O títere Pulcinella creado en 1620 inspirou outros dez personaxes do teatro europeo popular que, en todo o mundo, soubo entreter á súa audiencia e darlle un espazo de liberdade.

Deséxolles a todos vostedes, nos 5 continentes, un magnífico Día Mundial da Marioneta!

En Galicia temos a Barriga Verde que é un descendente de Pulcinella

Pabellón de la risa

Teatro de Barriga Verde 1947. Postal de “El Progreso”. Lugo

About Biblioteca Marioneta

Biblioteca especializada. Viravolta Títeres
Estas entrada foi publicada en Titiriteiros e titiriteiras coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario